Viaqua reafirma o seu compromiso social coa posta en marcha de ‘Auga, Saúde e Infancia’

A compañía segue avanzando na súa estratexia de acción social apoiando o desenvolvemento de 6 novos proxectos

Viaqua, empresa galega líder na xestión do ciclo integral da auga, celebrou na súa sede, ‘A Vila da Auga’, o acto de sinatura dos convenios do seu programa ‘Auga, Saúde e Infancia’, unha nova iniciativa social que reafirma o seu compromiso co benestar das persoas nos municipios onde está presente. 

Este programa ten como obxectivo apoiar proxectos que promovan accións e actividades asistenciais, sanitarias, científicas e de lecer. Os proxectos seleccionados traballan desde distintas perspectivas, pero todos comparten un enfoque común: mellorar a calidade de vida das persoas beneficiarias. 

Entre as entidades beneficiarias desta primeira convocatoria atópanse a Fundación Andrea, Down Compostela, Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela, Aspanaes, Asotrame e Asanog. Representantes das entidades beneficiaras asistiron á sinatura dos convenios, onde tamén estiveron presentes Nicolás Esmorías, director executivo de Viaqua, e Javier Díez, director territorial de Veolia. 


Na súa intervención, Nicolás Esmorís, subliñou a importancia desta iniciativa: "Desde Viaqua entendemos que a nosa responsabilidade vai máis alá da xestión eficiente da auga. Somos parte activa das comunidades nas que traballamos e con ‘Auga, Saúde e Infancia’ queremos contribuír a crear sociedades máis xustas, sostibles e saudables, apostando por proxectos que impacten directamente na vida das persoas."
Nesta edición, o programa permitirá levar a cabo iniciativas como proxectos asistenciais, sanitarios ou científicos; actividades que fomenten a protección do medio ambiente e a concienciación sobre a importancia da auga ou o apoio a nenos e mozos que padecen enfermidades, garantindo as súas necesidades básicas e das súas familias. 
A compañía agradeceu ás entidades participantes o seu traballo e compromiso, destacando a importancia de tecer alianzas entre o tecido empresarial e social para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e consciente.


Nicolás Esmorías e Javier Díez, con representantes das entidades beneficiarias en 'a Vila da Auga'

Un compromiso social con impacto real

A acción social de Viaqua baséase nunha máxima fundamental: non deixar a ninguén atrás. A través de convenios con diferentes entidades, a compañía impulsa proxectos como a creación dun fondo social rexional para o pagamento de recibos da auga xunto a Cruz Vermella ou a as Bolsas Talento Mozo e Talento Profesional coa colaboración de Igaxes, para axudar a estudantes con dificultades a continuar a súa formación. As áreas prioritarias de Viaqua abranguen a inclusión social, a educación ambiental e a mellora das condicións de vida nos municipios onde está presente.