Viaqua e ADEGA colaboran para concienciar o alumnado galego sobre a importancia da auga

O programa Aqualoxía celebra o seu décimo aniversario tras concienciar a máis de 12.000 escolares

 Ás portas do Día Mundial da Auga o próximo sábado 22 de marzo, Viaqua e a organización ecoloxista ADEGA dan comezo a unha nova alianza que ten por obxectivo impulsar a educación ambiental sobre o ciclo integral da auga en centros escolares dos municipios onde Viaqua xestiona o servizo. A través de Aqualoxía, o programa educativo de Viaqua, búscase concienciar ao alumnado de 3º de primaria na importancia da auga, a súa sustentabilidade e a importancia de coidar das contornas naturais.

A primeira das actividades desenvolveuse hoxe, martes 18 de marzo, no CEIP Plurilingüe Mestre Xixirei, en Santiago de Compostela. A través de experimentos prácticos, retos e xogos, os diferente personaxes de Aqualoxía interactuaron coa cativada descubríndolles o funcionamento do ciclo integral da auga e os retos que enfronta o persoal de Viaqua na xestión das estación de tratamento que garanten unha auga limpa e segura.

O director executivo de Viaqua, Nicolás Esmorís, destacou que “o futuro da auga tamén depende da educación das xeracións máis novas. Por iso, para Viaqua é unha satisfacción contar con ADEGA para levar o programa Aqualoxía a centros escolares de toda Galicia. Queremos achegarlles aos nenos e nenas a importancia do ciclo integral da auga dun xeito práctico e divertido, para que comprendan desde pequenos a relevancia de coidar este recurso esencial e o medio que nos rodea."

Desde ADEGA tamén sinalaron a importancia desta colaboración, que busca prolongarse no tempo para seguir fomentando hábitos de consumo responsable da auga entre a rapazada galega. Itziar Díaz, a responsable do proxecto en ADEGA, puxo en valor a educación ambiental como "unha ferramenta imprescindible" para que a cidadanía teña a información e os recursos necesarios para preservar o medio ambiente de maneira correcta. "A través deste programa, daremos a coñecer á cativada os mellores hábitos que debemos adoptar na nosa vida cotiá para manter en bo estado un recurso tan importante".

10 anos concienciado sobre a  importancia da auga
Este ano, Viaqua celebra os dez anos de Aqualoxía, o seu programa educativo dirixido a escolares dos municipios onde xestiona a auga, co que busca concienciar á rapazada sobre a importancia deste recurso vital. Dende a súa posta en marcha no 2015, máis de 12.000 nenos e nenas participaron nas máis de 500 sesións de Aqualoxía que a empresa organizou. Ao longo desta década, a metodoloxía foise adaptando ás novas tecnoloxías e circunstancias, sendo máis práctica, dixital e interactiva para achegar dun xeito divertido como funciona o ciclo integral da auga.
Grazas ao novo convenio de colaboración asinado entre ambas entidades, a equipa de educación ambiental de ADEGA será a encargada de impartir as sesións. O programa inclúe xogos, experimentos e retos adaptados ao currículo escolar para ensinar como chega a auga ás nosas casas, os tratamentos que se realizan para potabilizala e os procesos necesarios para devolvela ao medio natural sen causar dano ambiental. Ademais, no marco deste proxecto tamén se aborda a importancia da auga, a sustentabilidade e o cambio climático.

O programa Aqualoxía está aberto á participación de centros educativos dos concellos nos que Viaqua é a concesionaria do servizo de auga. As actividades son totalmente gratuítas e os centros interesados aínda están a tempo de inscribirse a través do correo electrónico comunicacion@viaqua.gal

No seu décimo aniversario, Viaqua reafirma o seu compromiso coa educación ambiental e continuará ampliando o alcance do programa para seguir formando ás xeracións futuras no coidado e respecto pola auga e polo medio ambiente.