Viaqua renova o seu programa de bolsas “Talento Mozo”coa colaboración de Igaxes

Viaqua e Igaxes reforzan a alianza para promover o acceso universitario a mozas e mozos en risco de exclusión

Carlos Rosón, director de Igaxes; Laura de Vega, directora de Acción Social de Viaqua; Cristina Rozas, directora Financieira de Igaxes e Nicolás Esmorís, director de Viaqua

Na sede de Viaqua en Santiago de Compostela, renovouse o programa de bolsas “Talento Mozo”, en colaboración con Igaxes, firmando por segundo ano a alianza entre ambas entidades. No encontro participaron Carlos Rosón e Cristina Rozas por parte de Igaxes e Nicolás Esmorís e Laura de Vega por parte de Viaqua.


Tras os bos resultados acadados no pasado ano, coa entrega dunha beca, renóvase esta iniciativa que ten como obxectivo acompañar a mozos cun alto rendemento escolar, pero cunha contorna económica complexa, para que poidan realizar estudos universitarios. O programa está deseñado para promover a igualdade de oportunidades entre a xuventude con dificultades económicas, pero que conta cunha traxectoria académica brillante.
Durante o acto de firma, o director executivo de Viaqua, Nicolás Esmorís Cendón, subliñou o compromiso da empresa coa xeración de oportunidades educativas. "Este programa permite aos estudantes acceder a unha formación universitaria, desenvolver habilidades relevantes e potenciar a súa futura inserción laboral, eliminando barreiras económicas e sociais.” afirmou Esmorís.


Pola súa banda, Carlos Rosón, director de Igaxes, destacou a importancia de iniciativas coma esta, que permiten que mozas e mozos con expedientes académicos destacados poidan superar os obstáculos que lles impiden acceder aos recursos necesarios para o seu desenvolvemento académico. "Acceder a libros, material, transporte ou formación complementaria non debería ser un privilexio, senón un dereito. Este tipo de alianzas son clave para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e equitativa", comentou Rosón.


O estudante seleccionado no programa recibe unha bolsa anual, durante toda a carreira, por un importe de 1.500€ para cubrir os gastos relacionados cos estudos. Ademais da axuda económica, ambas entidades coinciden no aspecto diferencial deste programa de contar cun plan de seguimento que inclúe apoio psicosocial e orientación académica para acompañar a persoa bolseira en todo o proceso de matriculación, xestión e desenvolvemento da súa traxectoria académica. No primeiro ano do programa, o estudante seleccionado puido participar en seminarios e talleres de diferentes temáticas así como acceder ao programa de Hábitos Saudables da empresa Viaqua.


Este programa representa un paso importante cara á construción dun futuro máis inclusivo e con oportunidades reais para aqueles mozos e mozas con talento e determinación, mais con recursos limitados.