Viaqua reforza o seu compromiso coa formación e o talento mozo en Galicia
Viaqua, como parte da súa aposta polo desenvolvemento do talento local, impulsa xunto a Igaxes, ONG para o futuro da infancia e a mocidade en risco, dúas bolsas para facilitar o acceso a unha formación de calidade a estudantes en situación de vulnerabilidade: os programas ‘Talento Mozo’ e ‘Talento Profesional’.
Co inicio do curso, reactivouse o programa ‘Talento Mozo’, unha iniciativa deseñada para facilitar o acceso á educación universitaria a estudantes con expedientes académicos destacados e recursos económicos limitados. Este programa está orientado, principalmente, a estudos nos ámbitos STEAM (‘Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas’), polas súas siglas en inglés.
Os estudantes seleccionados non só reciben apoio económico, senón tamén un acompañamento especializado que impulsa o desenvolvemento das súas competencias e facilita a súa conexión co mundo laboral. Ao longo do curso académico, organízanse xornadas formativas e sesións de traballo, tanto individuais como en grupo, en colaboración con entidades sociais e expertos en formación.
No marco deste programa, realizouse unha xornada que contou coa participación do estudante bolseiro de Viaqua, así como de alumnos doutros territorios e edicións anteriores. Un encontro presidido por Felipe Campos, director de Acción Social de Agbar, que serviu para compartir experiencias e aprendizaxes, así como crear vínculos entre as persoas bolseiras, fortalecendo á súa vez a rede de Alumni.
Este compromiso social de Viaqua compleméntase co recente lanzamento do programa de bolsas ‘Talento Profesional', que busca achegar a Formación Profesional á mocidade galega e facilitar o seu acceso a un emprego de calidade. Esta bolsa axudará ao estudante seleccionado coa cobertura dos gastos directos derivados dos seus estudos e recibirá un acompañamento pedagóxico e psicosocial individualizado, que busca potenciar a súa motivación e competencias persoais, mellorando así as súas perspectivas formativas e laborais.
Ambos os programas son unha mostra do interese de Viaqua por contribuír ao benestar das comunidades nas que está presente en Galicia e ao desenvolvemento sostible da rexión, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas.