Viaqua lanza o programa BiObserva ‘STOP-invasoras’ para o control de especies invasoras nas súas instalacións
Hoxe, con motivo do Día Internacional da Diversidade Biolóxica, resulta necesario lembrar a importancia de coidar o planeta, especialmente ante a actual crise sanitaria, e de previr a introdución de especies exóticas invasoras no medio ambiente, segunda causa mundial de perda de biodiversidade segundo a ONU. É por iso que SUEZ en España, grupo empresarial ao que pertence Viaqua, no marco da súa estratexia de Desenvolvemento Sustentable (REwater Global Plan, 2017-2021), desenvolveu o programa BiObserva ‘STOP-invasoras’. O obxectivo desta iniciativa é controlar as especies invasoras en todas as súas instalacións de tratamento de auga, contribuíndo así á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), e máis especificamente ao ODS nº15, que pon o foco en deter a perda de biodiversidade.
As plantas de tratamento de auga son instalacións que contan, na súa maioría, con zonas verdes nas que se pode atopar flora invasora, especies de crecemento rápido con gran capacidade de dispersión e invasión, sobre todo en medios acuáticos (bosques de ribeira, humidais, cursos fluviais, balsas temporais…) que son os que actualmente están a sufrir unha maior perda de biodiversidade.
En Viaqua a conservación da biodiversidade forma parte da xestión das instalacións na que opera a empresa. O programa BiObserva ‘STOP-invasoras’ ofrece, a través dunha metodoloxía e ferramentas propias (unha plataforma web e unha app móbil), toda a información necesaria para capacitar sobre como identificar especies, reportar observacións, así como executar e realizar plans de control e comunicación de especies invasoras en instalacións. A plataforma web pódese tamén consultar publicamente en www.biobserva.com/stopinvasoras , contribuíndo así á sensibilización e coñecemento da cidadanía sobre dita problemática ambiental.
A directora de Desenvolvemento Sustentable, Leticia Rodríguez, destaca que “este programa de control de especies invasoras é de gran axuda para identificala e eliminala nas instalacións que xestionamos, mesmo por persoal sen coñecementos previos na materia”. Para desenvolver o programa, SUEZ contou coa colaboración de expertos en botánica e en especies invasoras, así como con ferramentas de ciencia cidadá.
Leticia Rodríguez engadiu que “en Viaqua integramos a preservación da biodiversidade na xestión das instalacións, o que contribuirá á mellora da diversidade biolóxica e á mellora da calidade dos ecosistemas”
En Viaqua o programa púxose en marcha recentemente e o seu desenvolvemento, destinado a todas as instalacións que xestiona, prolongarase ao longo do 2020.