Viaqua instala en Pontevedra un cargador de móbiles que xera electricidade co abastecemento de auga

Atópase na praza de Barcelos e aproveita a enerxía hidráulica para alimentar diferentes dispositivos electrónicos

Viaqua finalizou a instalación dun novo cargador para dispositivos móbiles con enerxía renovable no Concello de Pontevedra. Este novidoso punto de carga atópase na Praza de Barcelos e o seu uso é gratuito para os cidadáns.

A estrea do dispositivo contou coa participación do concelleiro responsable do ciclo da auga, Xaquín Moreda, e do xerente de Viaqua en Pontevedra Casimiro González. Moreda destacou que esta é unha poposta “innovadora e autosuficiente” que contribúe a “sensibilizar” á cidadanía en cuestións ambientais e na loita contra o cambio climático. 

Este cargador está deseñado en base aos conceptos de autosuficiencia enerxética e desenvolvemento sostible. A subministración eléctrica que o fai posible provén de fontes de enerxía renovable aproveitando a enerxía hidráulica. En conreto, funciona a través dunha picoturbina que aproveita a auga da rede de abastecemento para producir enerxía eléctrica 100% limpa e renovable.

O cargador está composto por unha peana de aceiro inoxidable e dispón de tres puntos de recarga para dispositivos móbiles, un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida. A peana tamén inclúe un cristal para ver como é o funcionamento da picoturbina que produce a enerxía eléctrica.

Este é o primeiro punto de recarga que se instala no municipio e en función do seu desempeño, o Concello valorará a posibilidade expandir esta rede de carga sostible a outros puntos da cidade.