Viaqua colabora na sexta edición dos Premios Campus Auga da Universidade de Vigo

No marco de colaboración que Viaqua desenvolve coa Universidade de Vigo, e en línea co seu compromiso de apoiar a investigación e o talento local, participa un ano máis na convocatoria dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga. 

Esta convocatoria busca premiar os esforzos das e dos investigadores que contribúan a desenvolver o Campus da Auga a través do seu traballo.

Os galardóns están convocados pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e financiados a través do convenio de colaboración que ten a asinado a Universidade de Vigo coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia para financiar o Campus Auga e do convenio que ten con Viaqua.

Na presentación este luns no campus de Ourense desta sexta convocatoria participaron Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, e Nicolás Esmorís, director xeral de Viaqua, estando tamén Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga; Ana Tejeiro Sandomingo, xerente de Viaqua, e Leticia Rodríguez, directora de Innovación desta empresa. No acto, o vicerreitor salientou que estes premios son unha das liñas estratéxicas do Campus Auga que permiten potenciar e pór en valor “a moita investigación de relevancia que se fai en Ourense”. Pola súa banda, o director xeral de Viaqua puxo en valor os galardóns recalcando deles que teñen “moito percorrido en dar resposta a problemas que están ocorrendo na nosa comunidade”.

Alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga
Son cinco as modalidades dos galardóns. Na categoría de premios de investigación distinguiranse traballos fin de grao e fin de mestrado; tese de doutoramento e contribucións científicas de alto impacto publicadas en 2021, 2022 ou 2023.  Enténdese por contribucións científicas aquelas que se realizan nos medios de difusión propios de cada ámbito de coñecemento, como poden ser artigos en revistas indexadas, libros, capítulos de libros, monografías, recensións, etc. Na categoría de premios de transferencia quérese “distinguir os resultados relevantes de transferencia, entendendo como tales patentes en explotación, produtos ou servizos comercializados por algunha empresa, estudos e informes de impacto contrastado, sempre que fosen resultado dun proxecto ou contrato realizado na Universidade de Vigo e finalizado en 2021, 2022 ou 2023”. Por último, cos premios de divulgación científica quérese tamén distinguir accións e actividades deste tipo realizadas no mesmo periódico e que contribúan á promoción do Campus Auga e a divulgar a acción e o coñecemento científico producido no seu seo.

Unha comisión, da cal forma parte Viaqua, elixirá os traballos galardoados, estando dotados os premios con diferentes contías económicas segundo a modalidade e un diploma acreditativo. O orzamento máximo total dos galardóns é de case 9000 euros. Excepto en divulgación científica, en cada unha das modalidades (traballos fin de grao e mestrados; teses de doutoramento; contribucións científicas e transferencia) haberá tres premios en metálico, un por cada unha das seguintes temáticas: alimentación funcional; agricultura e medio ambiente e xestión da auga. O prazo de presentación de solicitudes abrangue do 10 ao 22 de setembro de 2024.

Información da convocatoria: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/show/1400