Viaqua, ADEGA e o Concello de Santiago de Compostela organizan unha xornada de limpeza do río Sarela

Recolléronse 20 quilos de residuos, incluíndo cabichas, toalliñas e produtos de hixiene íntima

 

Viaqua, empresa que xestiona o ciclo da auga en Santiago de Compostela, organizou xunto a ADEGA e o Concello de Santiago unha xornada de limpeza ambiental do río Sarela. Nesta actividade estivo presente persoal voluntario de Viaqua, ADEGA e o concelleiro de Obras e Servizos do Concello de Santiago, Xesús Domínguez.

Durante a xornada, percorréronse as beiras do río Sarela para retirar todo tipo de residuos e coidar a contorna desta área fluvial compostelá. En total, recolléronse 20 quilos de residuos, incluíndo plásticos, vidros, botellas e destacando as numerosas cabichas, toalliñas e produtos de hixiene íntima recollidas, así como outros materiais que impactan negativamente no ecosistema do río e nas especies que o habitan.

O director executivo de Viaqua, Nicolás Esmorís, expresou a súa satisfacción pola participación desta xornada: “Estamos moi orgullosos do esforzo conxunto realizado hoxe. Estas accións de limpeza non só impactan positivamente na contorna, senón que reforzan a nosa misión de concienciar sobre a importancia de preservar os nosos recursos naturais. Agradecer ao Concello de Santiago, ADEGA e ao persoal de Viaqua a súa implicación e traballo. Continuaremos organizando máis xornada coma esta e invitaremos a participación cidadá”.

Desde ADEGA, a educadora ambiental, Itziar Díaz, subliñou a relevancia deste tipo de iniciativas e a implicación do tecido empresarial local, tanto polo impacto directo no medio ambiente como polo impulso que dan á concienciación social: "A boa preservación dos cursos fluviais é imprescindible para que moitos residuos non acaben nos litoriais, así que agradecemos a implicación de todo o voluntariado neste tipo de accións".

O concelleiro de Obras e Servizos do Concello de Santiago, achegouse ao inicio da actividade para agradecer ao persoal voluntariado de Viaqua e ADEGA a súa implicación e calificou este tipo de iniciativas de “moi relevantes” para unha Compostela máis sustentable e “orgullosa de si”, nun concello mellor para as persoas.

Ademais da limpeza do río, esta actividade serviu como un espazo de aprendizaxe e sensibilización para todos os participantes, que recibiron información sobre o impacto dos residuos nos ecosistemas fluviais e a importancia da responsabilidade ambiental.

Viaqua e ADEGA comprométense a seguir impulsando este tipo de iniciativas, que reforzan o seu compromiso coa sustentabilidade e a protección dos recursos naturais en Santiago de Compostela.

Mostra dos residuos recollidos durante a xornada