Viaqua acolle o Pleno da Cámara de Comercio de Santiago na súa sede A Vila da Auga
-
Esta iniciativa forma parte da estratexia da Cámara de aperturar a institución ás empresas da súa demarcación territorial
-
Durante a sesión, renovouse o convenio de colaboración e cooperación entre as dúas entidades
O Pleno da Cámara de Comercio de Santiago, celebrou na sede de VIAQUA, o AquaHub A Vila da auga, a súa primeira sesión Plenaria do presente ano.
Esta iniciativa de “deslocalización” dos Plenos camerais responde á estratexia de aperturar á Cámara ao tecido produtivo da súa demarcación territorial, coa finalidade de propiciar o coñecemento da actividade cameral e dos servizos que a entidade pon a disposición das súas empresas, e, deste xeito, coñecer o quefacer empresarial da empresa anfitrioa e escoitar as súas demandas e necesidades.
Deste xeito, durante a sesión, na que estiveron presentes, o director de Viaqua, Iván José Vicente, a xerente de Viaqua en Santiago de Compostela, Ana Tejeiro, e a directora de Marketing e Comunicación, Sonia Delpont, a Presidenta da Cámara, María Pais, e o resto de vogais do Pleno da Cámara de Comercio, puideron visitar os distintos espazos de traballo e coñecer os proxectos nos que traballa Viaqua, como o proxecto “Ou-Intelixente”, no que a empresa mixta AquaOurense (formada pola Deputación provincial de Ourense e Viaqua) conseguiu 7,7 millóns de euros no PERTE de dixitalización da auga, sendo o proxecto con mellor puntuación de Galicia; ou o labor desenvolvido por Cetaqua, centro tecnolóxico da auga, especializado, en ofrecer solucións hídricas para conseguir un ciclo da auga máis eficiente e sostible, presentado pola súa xerente, Teresa Alvariño.
Coa renovación deste acordo, Viaqua, empresa concesionaria da auga en Santiago de Compostela, segue reforzando o seu vínculo con diferentes asociacións santiaguesas, incluíndo organizacións empresariais, institucións públicas, universidade e asociacións veciñais. O director de Viaqua quixo destacar o “labor que a Cámara de Comercio fai polas empresas da comarca e reforzar o compromiso de Viaqua por fomentar as relacións con todos os axentes sociais. Estamos seguros de que xuntos podemos acadar grandes metas e xerar un impacto positivo en Santiago de Compostela”.