A solución ao reto de Viaqua, a mellor valorada no programa InnovaTech FP
A solución ideada polo alumnado do CIFP Valentín Paz Andrade para o deseño dun sistema de autolimpeza para as reixas das fosas sépticas obtivo o premio especial
InnovaTech FP é unha iniciativa posta en marcha dende a Xunta de Galicia en colaboración co tecido empresarial galego para desafiar ao alumnado a que se enfronte a 10 retos tecnolóxicos que presentaron empresas de diferentes sectores. O obxectivo desta iniciativa é impulsar a innovación tecnolóxica, o emprendemento industrial e fomentar a creación de empresas de base tecnolóxica entre o alumnado de FP.
Viaqua foi unha das empresas participantes e o reto proposto foi o deseño dun sistema de autolimpeza das reixas das fosas sépticas. Este tipo de instalacións carecen de alimentación eléctrica e o seu mantemento debe realizarse de xeito manual, aumentando os custos, sendo menos eficientes e co risco de que as augas residuais se acumulen.
Esta situación tan habitual, especialmente en contornas rurais, serviu de base a Viaqua para presentar este reto aos dez grupos de toda Galicia que escolleron o seu reto. De todos eles, tres foron os finalistas, o CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo, o Coroso de Ribeira e o IES Laxeiro de Lalín.
Os integrantes destes tres grupos, foron convidados por Viaqua a visitar a Ecofactoría de Ourense para coñecer de primeira man o traballo que se realiza no tratamento das augas residuais. Nesta instalación estiveron acompañados do equipo de Viaqua que os titorizou ao longo de todo o programa e que lles mostrou todos os os procesos que levan a cabo, os proxectos europeos que se están desenvolvendo na planta e tamén visitaron unha fosa séptica próxima para coñecer de primeira man como é o mantemento que se realiza actualmente.
A proposta gañadora debía cumprir varios requisitos, que fose autosuficiente, mínimo mantemento e que garanta a eficiencia e durabilidade do sistema de depuración. Logo de analizar as tres solucións finalistas, a gañadora foi a presentada polo CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo pola calidade e innovación do seu sistema. Ademais, o centro vigués obtivo o premio especial á mellor solución entre os 10 retos propostos, que consiste nunha viaxe a Barcelona e visita ás instalacións referentes do ciclo urbano da auga de Agbar, grupo ao que pertence Viaqua.
Esta I Edición do programa InnovaTech FP foi todo un éxito e unha mostra máis de que en Galicia contamos co mellor talento e que debemos fomentar a innovación e fortalecer a colaboración público-privada para seguir construindo un tecido empresarial forte e resiliente.