O IES Antonio Fraguas, IES Lamas de Abade e o Colexio La Salle, galardoados no IX Certame Literario de Viaqua
Trece alumnas e alumnos do IES Antonio Fraguas, IES Lamas de Abade e Colexio La Salle de Santiago foron galardoados no IX Certame Literario ‘Relatos de Auga Intelixente’. Este certame, organizado por Viaqua, está dirixido a escolares dos preto de 50 concellos onde a empresa xestiona o ciclo integral da auga. O acto de entrega de premios tivo lugar a tarde do 11 de abril no Pazo de Raxoi, presidido pola concelleira de medio ambiente, Mila Castro e o director da empresa Viaqua, Iván José Vicente. Ao evento acudiron os premiados acompañados de familiares e representantes dos colexios premiados, Carlos Encisa, director do IES Antonio Fraguas, Carolina Varela, directora do IES Lamas de Abade e Xosé Ramón Pallares, profesor do Colexio La Salle.
A temática desta última edición centrouse na seca e como o consumo responsable da auga pode axudar a mitigar esta situación. Desde Viaqua, destacan que o obxectivo deste certame é difundir a cultura galega e fomentar a participación activa dos rapaces e rapazas no uso sostible da auga e o coidado do medio ambiente a través da literatura.
Na novena edición do Certame Literario “Relatos de Auga intelixente” a empresa aumentou o número de premios, un total de 19, e fomentando e apoiando o comercio local, entregando como premios “Vales regalo” de 150€ (1ºpremio), 75€ (2º premio) e 50€ (terceiro premio) para consumir no comercio local en produtos deportivos, de papelería/librería ou tecnolóxicos.
O director de Viaqua, Iván José Vicente agradeceu a implicación dos profesores e familiares para fomentar as vocacións literarias no alumnado, así como a colaboración do Concello de Santiago en todas as edicións do Certame Literario. A concelleira de medio ambiente do Concello de Santiago, Mila Castro, destacou “a importancia de facer un uso responsable e intelixente da auga no noso día a día e con concursos como este axudamos a promover estes hábitos entre a cidadanía”.
O xurado, composto por Carlos Taboada, escritor e ilustrador en Polo Correo do Vento; Susana Fernández, técnica do Departamento de Explotación de Augas de Galicia; Mª Teresa Abalde, xurídica de Viaqua e Maria del Mar Fernández Vázquez, profesora da Universidade de Vigo, seleccionou as propostas presentadas por Anais Bilial, Candela Castro, Carlota Millán, Paula Otero, Maruxa Bravo, Marta de la Santísima Trinidad, Joaquín López, Xoel Amigo, Icía Lagares, Xosé Silva, Xiana Andrade, María Alvarellos e Raquel Soto como premiados nas diferentes categorías pola adecuación dos seus traballos ás bases do concurso, así como pola súa calidade e creatividade.