O Colexio Luis Vives recibe o premio ao centro mais influencer
Máis de 750 estudantes de colexios de primaria de Galicia participaron neste curso escolar no programa Aquae STEM, que dende hai cinco anos estimula as vocación científicas e tecnolóxicas entre as nenas. Viaqua e a súa fundación, Fundación Aquae, entregaron os recoñecementos aos centros educativos máis destacados, resaltando o papel fundamental do profesorado.
A directora Iria Vence, as alumnas Laia Vázquez e Chloe López, Ana Tejeiro, xerente de Viaqua e a concelleira de Educación do Concello de Ourense, Tamara Silva.
Durante os últimos cinco cursos académicos, máis de 6.000 alumnas de 2º a 6º de Primaria, de 80 colexios e sete comunidades autónomas, adentráronse nas especialidades científicas e coñeceron a destacadas profesionais femininas en disciplinas STEM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) grazas ao programa educativo Aquae STEM.
Viaqua e a súa fundación, Fundación Aquae, impulsan esta iniciativa en Galicia que ten como obxectivo promover o interese das mozas estudantes neste tipo de carreiras. Este curso escolar, máis de 750 estudantes de colexios de Ourense, Pontevedra e Santiago, participaron no programa, dos cales preto de 400 son alumnas.
Esta semana, Viaqua organizou no Colexio Luis Vives de Ourense un acto para recoñecer a implicación no programa do centro, o equipo docente e o alumnado, coa entrega de galardóns a aqueles que sobresaíron neste curso 2023-24. Un acto híbrido, con conexión online co resto de colexios participantes e presenzal no colexio premiado.
O C.P.R. Plurilingüe Luis Vives de Ourense foi recoñecido como o Centro “máis influencer” por ser o centro con maior actividade nas redes sociais para dar visibildiade ao traballo realizado polas súas alumnas no descubrimento das STEM. Entregou o recoñecemento, Ana Tejeiro, xerente de Viaqua e a concelleira de Educación do Concello de Ourense, Tamara Silva. Fixeron recepción do mesmo, a directora, Iria Vence, e as alumnas Laia Vázquez de 3º e Chloe López de 4º.
Alumnas e persoal docente expresaron a súa gran satisfacción co programa Aquae STEM. As estudantes destacaron o divertido que resulta para elas aprender e resolver retos prácticos, traballando en equipo e elaborando construccións e experimentos coas súas propias mans. Os docentes consideraron a calidade da proposta académica do programa Aquae STEM e a capacidade que ten de entroncar os contidos curriculares, ofrecendo a oportunidade de ampliar a ensinanza dende novas perspectivas e con formatos atractivos.
Para pechar o acto, o presidente e patrón delegado de Fundación Aquae e director de Acción Social do grupo Agbar, ao que pertence Viaqua, Felipe Campos, felicitou ás alumnas polo seu traballo e dedicación. “Aplaudimos o voso traballo, a vosa creatividade e entusiamos por estas disciplinas STEM. Non esquezades nunca que o voso potencial é ilimitado; seguide adiante con valentía, curiosidade, determinación, porque o mundo precisa de vós e da vosa contribución. O futuro é voso”, afirmou.
Os valores de Aquae STEM
O programa Aquae STEM fomenta o interese pola ciencia, concienciación ambiental, desenvolve múltiples competencias e contribúe a un futuro en que a fenda de xénero sexa cada vez menor nas diferentes disciplinas científicas e tecnolóxicas.
Ano tras ano, os resultados das enquisas de satisfacción realizadas a centros e alumnas participantes no programa Aquae STEM demostran o valor achegado polo seu método activo, práctico e inclusivo, que converte ás estudantes nas protagonistas e proporciónalles situacións de aprendizaxe atractivas, impulsando a súa confianza nas súas capacidades científico-tecnolóxicas.
Este ano, ademais, seguiuse reforzando a idea de visibilizar a referentes femininas nas STEM. Deste xeito, ao longo do curso 2023-2024, as participantes puideron coñecer de primeira man, vía webinario, o traballo da meteoróloga do programa de RTVE Aquí la Tierra Isabel Moreno; a experta en Ciencia Ficción Gisela Baños; a matemática que traballa xunto á NASA na exploración de Marte Ariadna Farrés; e a experta en Intelixencia Artificial Nerea Luis.