EDAR 360, tecnoloxía e talento galego para a dixitalización da auga
A revolución dixital chega ao sector da auga con EDAR 360, un novo proxecto de innovación que aposta por desenvolver situacións dixitais, en liña cun dos grandes eixos estratéxicos que promove Europa, no ámbito da depuración das augas residuais
Liderado por Viaqua, trátase dun proxecto con participación pública e privada na que participan as empresas Syspro Automation S.L.U. e Ednon S.L. e os centros tecnolóxicos Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Cetaqua Galicia
Esta mañá presentouse o proxecto Conecta Hubs EDAR 360 para a dixitalización do sector da auga. Viaqua, líder do proxecto, xunto con Syspro Automation S.L.U. e Ednon S.L., así como os centros de investigación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Cetaqua Galicia, organizaron un encontro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela ao que non quixeron faltar representantes da administración pública.
EDAR 360 suporá unha revolución dixital nos vindeiros anos, unha transformación necesaria no sector que cobra máis relevancia tras o anuncio do Goberno da posta en marcha do PERTE da Auga, que suporá unha inversión de 3.000 millóns de euros ata o 2026 para a dixitalización do sector. Unha acción que se aliña cos retos identificados por Europa nos fondos NextGen.
O obxectivo do proxecto é desenvolver solucións tecnolóxicas dixitais que garantan unha óptima xestión do saneamento, optimizando os procesos de depuración das augas residuais. Para logralo, EDAR 360 contará co talento e tecnoloxía que aportarán todos os seus socios. Intelixencia artificial e tratamento de datos serán as grandes aliadas para facilitar a toma de decisións no sector.
Este evento estivo presidido polo vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo.
Durante a súa intervención, Francisco Conde, destacou “a oportunidade que supón a dixitalización da auga para mellorar a competitividade das empresas e reducir o impacto ambiental”. Pola súa parte, Xosé Sánchez Bugallo, comentou “ a chave está na tecnoloxía e na colaboración público-privada, xa que son as empresas as que contan coas tecnoloxías máis avanzadas”.
O encargado de iniciar a quenda de presentacións foi Iván Cacheiro, técnico de Augas de Galicia. Na súa presentación contextualizou o momento no que se atopa o sector da aga en Galicia, os seus retos, perspectivas e novos proxectos estratéxicos como Innovaugas, centrado na xestión avanzada dos recursos hídricos.
A presentación global de EDAR 360 correu a cargo de Alberto Sánchez, director de Transformación e Innovación de Viaqua, Miguel Carmody, responsable de I+D de Syspro e Manuel Suárez, responsable de I+D de Ednon. O tres destacaron o peso da tecnoloxía neste proxecto e como a recopilación de datos axudará a tomar mellores decisións en momentos chave.
Tras a presentación do proxecto EDAR 360, foi quenda para analizar os casos de éxito do sector como Aquamundam, do ITG, e Dinapsis, do grupo Agbar. Sobre o escenario, Juan Sobreira do ITG, e Alberto Sánchez de Viaqua, comentarion a evolución e beneficios destes proxectos para Galicia.
Alberto Sánchez destacou a importancia de poñer en marcha este tipo de proxectos e explicou o caso Dinapsis, “unha suite dixital que se nutre dos datos capturados grazas aos 150 anos de experiencia do sector da auga”.
O acto finalizou cunha mesa redonda na que participaron Teresa Gutiérrez, directora de Augas de Galicia, Juan Sobreira, director de División: Innovación Aberta do ITG e Marcos Martín, director de Viaqua. Os tres ponentes explicaron os retos globais do sector da auga en Galicia e a importancia e o rol que xoga a I+D a curto prazo para mellorar a xestión do ciclo da auga. “Cos Fondos Europeos temos a oportunidade de reactivar e mellorar a economía, apostando por sectores estratéxicos como o da auga” destacaba Marcos Martín, director de Viaqua. Pola súa parte, Teresa Gutiérrez, directora de Augas de Galicia, plantexou que o “gran problema da dixitalización é como se van tratar os datos captados”. Por último, Juan Sobreira do ITG, fixo fincapé na importancia de “adiantarnos aos problemas que xa se están plantexando a Unión Europea”.
Sobre EDAR 360
Edar 360 é un proxecto innovador, de carácter público-privado, coordinado por Viaqua en colaboración coas empresas galegas de base tecnolóxica Syspro Automation S.L.U. e Ednon S.L., así como os centros de investigación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), e Cetaqua Galicia, Fundación Centro Galego de Investigacións da Auga. Está enmarcado no programa Conecta Hubs 2021, subvencionado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e cofinanciado con cargo a Fondos FEDER no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Un equipo multidisciplinar que será unha das chaves do éxito para acadar os obxectivos do proxecto.