Augas subterráneas, a chave invisible fronte ao cambio climático
Cada 22 de marzo celebramos o Día Mundial da Auga, unha data para recordar a súa importancia e relevancia para a vida. Aínda que toda as actividades sociais e económicas dependen do abastecemento de auga doce, no mundo hai arredor de 2.200 millóns de persoas que non teñen acceso a auga potable. Este é un día para concienciar, sumar forzas e seguir traballando para acadar o sexto Obxectivo de Desenvolvemento Sostible: auga e saneamento para todos antes de 2030.
Para poñernos en contexto é preciso puntualizar que, a pesar de non velas a simple vista, as augas subterráneas son fundamentais para a vida. Constitúen a base da subministración de auga potable, dos sistemas de saneamento e son un recurso natural básico para a agricultura, industria e todos os ecosistemas naturais. Por outra banda, os efectos do cambio climático fan que os episodios climáticos extremos sexan cada vez máis frecuentes. Sen ir máis lonxe, en Galicia estamos vivindo un dos inicios de ano máis secos dende que hai rexistros, con prealerta por seca incluida, e a capacidade dos nosos encoros apenas acada o 50%.
Aínda que as augas subterráneas sempre tiveron unha enorme importancia, esta non foi recoñecida completamente. Debemos coidalas e protexelas, tratando de lograr un equilibrio entre as necesidades das persoas e do planeta.
Como podemos coidar das augas subterráneas?
O esgotamento dun recurso como a auga supón a perda dun ben esencial para a vida. En Viaqua continuamos traballando para mellorar a xestión sostible dos recursos, aumentando a resiliencia dos nosos sistemas de auga urbana ante posibles episodios de secas e reducindo a nosa pegada hídrica mediante a xestión intelixente e avanzada.
Un dos nosos obxectivos é desenvolver solucións tecnolóxicas que garantan unha óptima xestión do saneamento. Para logralo, acabamos de presentar EDAR 360, un proxecto de innovación onde a través dun consorcio formado por empresas galegas de base tecnolóxica como Syspro Automation S.L.U. e Ednon S.L., e a colaboración dos centros de investigación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Cetaqua Galicia, apóstase por desenvolver solucións dixitais baseadas en intelixencia artificial que faciliten a toma de decisións nun dos grandes eixes estratéxicos que promove Europa: a depuración de augas residuais.
A tecnoloxía vai xogar un papel fundamental na loita contra o cambio climático, pero tamén é preciso mudar os nosos hábitos de consumo, propiciando un uso máis eficiente dos recursos. En Viaqua tratamos de concienciar a pequenos e maiores sobre a importancia de facer un consumo responsable da auga, coa posta en marcha de campañas divulgativas e programas educativos. A situación presente e futura vai precisar que sexamos conscientes e reduzamos a nosa pegada hídrica, facendo un consumo racional da auga e adoptando pequenos xestos cotiás que contribúan á redución do consumo e desgastes innecesarios.
A pandemia e os episodios climáticos extremos que cada vez vivimos con máis frecuencia, son indicadores de que a emerxencia climática non admite máis demoras. Froito desta inacción temos que afrontar grandes retos como a descontaminación das augas subterráneas. Unha gran parte dos acuíferos que se atopan en Europa están en mal estado debido a unha alta concentración de nitratos, causado principalmente polo uso de fertilizantes e produtos fitosanitarios nas actividades agrícolas e gandeiras. No noso propósito de preservar os recursos naturais, en Viaqua eliminamos o uso de produtos fitosanitarios do 100% das nosas instalacións, mudando o modelo de xestión das zonas verdes nos últimos anos.
Todas estas accións non son propostas, é o noso traballo diario como empresa que xestiona o ciclo integral da auga para máis de 700.000 galegos e galegas. Sabemos que nos vindeiros anos o escenario vai ser moi diferente do actual é por iso estámonos preparando para que Galicia se sitúe á vangarda en protección do dereito á auga fronte ao cambio climático.