Alianza entre Viaqua e Cruz Vermella Ourense para fomentar o emprego
Viaqua colabora co Plan de Emprego de Cruz Vermella Ourense a través do proxecto Reto Social Empresarial en materia de inserción laboral, coa doazón de Equipos de Protección Individual (EPIs) para a realización de prácticas formativas non laborais do curso de capacitación “Organización de Almacéns e preparación de Pedidos con Ferramentas TIC”.
Esta iniciativa súmase ao resto de accións levadas a cabo por Cruz Vermella en Ourense, co fin de mellorar a empregabilidade dos participantes pertencentes aos proxectos Itinerarios que Suman, Itinerantes que Suman + e Primeiras oportunidades laborais con mozos. Así mesmo, esta acción reforza a alianza entre a empresa Viaqua e a entidade Cruz Vermella, contribuíndo a desenvolver unha sociedade máis xusta e equitativa impulsando o emprego de calidade, a igualdade de oportunidades, a accesibilidade e a inclusión, así como o desenvolvemento do talento e a empregabilidade.
En liña coa Axenda 2030 de Nacións Unidas, Viaqua defende que un crecemento económico inclusivo e sostido pode impulsar o progreso, crear empregos decentes para todos e mellorar os estándares de vida. Por iso con esta alianza, Cruz Vermella Ourense e Viaqua contribúen á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) marcados pola ONU, en concreto ao ODS 8, sobre traballo decente e crecemento económico.